Tuesday 07 de May de 2024

O mércores comeza o Torneo Concello de Oleiros de fútbol


Este mércores arrinca a edición LII do Torneo de Fútbol Concello de Oleiros masculino, unha das competicións máis antigas de fútbol afeccionado de todas cantas se celebran na comarca. O II Torneo de Fútbol Concello de Oleiros feminino tamén se disputará no mes de agosto, a partir do sábado 19. En ambos casos, a gran final será o sábado 26 de agosto.

Como todos os anos, e con carácter rotatorio, o Concello asina un convenio de colaboración coas entidades participantes para a organización do campionato municipal, que supón un investimento de 12.258 euros para os premios económicos dos clubs participantes.

Os equipos participantes en categoría masculina son: Santa Cruz, Hércules, Mercurio, Obrero e Unión Campestre –grupo A-: e Marino, Dorneda, Cristo Rey e Atlético San Pedro –grupo B-. Os equipos femininos son: Obrero, Unión Campestre, Santa Cruz e Atlético San Pedro.

Na primeira xornada do grupo A, prevista para este mércores ás 20:30 horas, xogarán Santa Cruz-Hércules e Mercurio-Obrero –o Unión Campestre descansa-. O grupo B debutará o 9 de agosto cos partidos Marino-Dorneda e Cristo Rey-Atlético, tamén ás 20:30 horas.